martes, 18 de marzo de 2008

Que é a ecoloxía ?

É posible que asociedes a ecoloxía cos intrépidos mozos que soben ás pontes dos vellos monocascos para colocar a bandeira de Green Peace ou cos vexetarianos radicais que non proban a carne e que cruzan os dedos ante un Mc Donals ou con algúns movementos políticos que nos din día tras día que estamos a destruir o noso fogar ou, quizais cos movementos antisistema.
Pero todo isto son espontáneas asociacións de ideas. Sabemos realmente o que é a ecoloxía?
A ecoloxía non é algo moderno, ou .... si, non sei. Se pensamos no tempo que o ser humano leva pisando a Terra, dende logo que é moderna, pero se consideramos que é algo dos últimos corenta anos, estamos equivocados, xa ten 140!
En 1866, coa Revolución Industrial desenvolvida e en plena expansión da corrente filosófica positivista, un prusiano (lembrade alumnos de 4º que Alemaña non existía como tal), Ernst Haeckel, introduciu no seu traballo a Morfoloxía Xeral do Organismo o termo öcologie, estaba composto polas palabras oikios (casa, vivenda, fogar) e logos(estudio). Así xa sabemos o que é a ecoloxía, algo tan simple como O ESTUDO DOS FOGARES!
En principio a idea era estudar as relacións dos seres vivos co seu ambiente, pero, co tempo, tamén se estudaron as características do medio e a transformación da materia e a enerxía polas comunidades biolóxicas. En teoría, como é unha ciencia, non debe establecer o que é "bo" ou o que é "malo", como non o fan as matemáticas ou a química, pero o ecoloxismo toma da ecoloxía a biodiversidade como base científica e tamén a termonoloxía que expresa os problemas medioambientais.
Temos, entón, que distinguir entre ecoloxía e ecoloxismo pero é unha tarefa dificil que deixo para os lingüistas.
Hoxe en día o termo ecoloxía é tan amplo que podemos falar de ecoloxía de poboacións, de comunidades, matemática, da paisaxe, do comportamento, ou da economía acolóxica ....
Seguiremos falando de ecoloxías, do señor Haeckel e doutros colegas seus.

Colaboración de Ana López Formoso

No hay comentarios: