lunes, 7 de abril de 2008

A Doazón de Sangue


Fai uns días tivemos a sorte de recibir unha colaboración para este espazo de D.Antonio Carcedo Calvo, membro do Centro de Transfusións de Galicia e responsable das campañas de promoción da doazón. A verdade é que estabamos esperando ao mes de xuño, momento no que se adica un día a conmemorar este xesto tan xeneroso pero tendo en conta que estades nalguns cursos a traballar sobre a saúde, deixámosvos algunha información que pode ser de interese sobre a doazón, feito sobre o que ninguén pode dubidar que contribue a solucionar moitos problemas da saúde, e incluso a salvar vidas.
Ademáis gustaríame que coñecerades os datos de doazón do noso Concello: No ano 2006 houbo so 97 doazóns e tan so tres altas (doadores novos). No 2007 houbo 109 doazóns e 6 altas o que supón un incremento do 12% nas doazóns e o dobre de altas. Que vos parecen?

Colaboración de D. Antonio Carcedo Calvo

A DOAZÓN DE SANGUE

É un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para a saúde de moita xente. Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3 veces ao ano; deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses.
Non se debe acudir sen almorzar e despois de xantar haberá que deixar pasar dúas horas.

Antes da doazón, un médico realiza unha entrevista e un exame médico básico para confirmar a boa saúde do doador e, deste xeito, protexer ao futuro receptor dos compoñentes sanguíneos.
O noso primeiro obxectivo é preservar a saúde do doador.Mídese o pulso, a tensión sanguínea e tómase unha pinga de sangue dun dedo para medir o nivel de hemoglobina e descartar unha posible anemia.

En termos xerais poden doar sangue as persoas:

- Maiores de 18 anos. Se cumpren 65 anos poden continuar co permiso do seu médico.
- Saúde normal e máis de 50 quilos de peso
- Non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue ( hepatite B, hepatite C, sífilis, SIDA,...)

DOAZÓN:
Dura aproximadamente de 5 a 7 minutos. O persoal sanitario emprega MATERIAL ESTÉRIL e dun só uso, que é desprecintado momentos antes de atender ao doador.
Durante a doazón, NON hai ningunha posibilidade de contraer enfermidades transmisibles polo sangue.
RECUPERACIÓN:
Ao rematar, o doador toma un refrixerio consistente en auga ou refrescos e algún alimento sólido. O volume de sangue extraído (450 ml) recupérase case de inmediato.
A doazón NON DEBILITA o organismo
Aos poucos días de ter doado envíase ao domicilio do doador, de xeito confidencial, un carné que acredita a súa condición de doador, xunto cos resultados das análises realizadas, para o coñecemento do seu estado de saúde.
A posesión do carné de doador non obriga a doar un número determinado de veces ao ano xa que, por lei, a doazón de sangue é un acto voluntario..
SOBRE O SANGUE
O sangue non se emprega tal e como se lle extrae ao doador. Cada bolsa de sangue doado sométese a un proceso de separación no que se obteñen tres compoñentes sanguíneos (glóbulos vermellos, plasma e plaquetas). Normalmente cada enfermo require só un deles.

GLÓBULOS VERMELLOS Precísanse nas intervencións cirúrxicas, nos transplantes de órganos, hemorraxias debidas a accidentes, …Duran ata 42 días
PLASMA
Contén proteínas para o tratamento de grandes queimados , enfermidades crónicas, infecciosas, ,... Consérvase ata un ano
PLAQUETAS
Necesítanse no tratamento de enfermos con cancro ou leucemia, nos transplantes de medula ósea, … Tan só duran 5 días

UNHA DOAZÓN de sangue pode beneficiar a máis dun enfermo xa que os tres compoñentes sanguíneos adoitan utilizarse por separado. Tan só 7 de cada 100 doadores posúen o grupo sanguíneo CERO NEGATIVO coñecido como DOADOR UNIVERSAL, frecuentemente utilizado nas urxencias. O CTG está a desenvolver campañas informativas para concienciar a este grupo especial de doadores. Sangue cero negativo hai pouco e urxencias moitas todos os días.
Nunha intervención cirúrxica poden precisarse 2 bolsas de glóbulos vermellos, pero nalgúns accidentes de tráfico e nos transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan 20 - 30 persoas e as veces máis.
No ano 2008 precisaremos en Galicia preto de 126.000 doazóns de sangue para cubrir todas as necesidades dos nosos hospitais

AUTOABASTECEMENTO
A doazón de sangue en Galicia medrou moito nos últimos anos, pero tamén produciuse un gran crecemento da actividade asistencial hospitalaria que incidiu directamente no aumento das necesidades de sangue. Cada día os hospitais galegos atenden unha media de 2.900 urxencias, realizan preto de 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.
O crecemento na actividade asistencial, xustifica aínda máis o obxectivo que persigue o CTG de continuar incrementando a participación dos cidadáns dentro da taxa que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano).
Para acadar este obxectivo, cada día DEZ unidades móbiles do CTG percorren Galicia na procura da colaboración dos cidadáns nas campañas de doazón de sangue, desprazándose aos núcleos principais de poboación dos concellos, ás parroquias, barrios das grandes cidades, empresas, centros de ensino secundario, escolas e facultades universitarias,...
Tamén existe a posibilidade de doar sangue nos locais de atención ao doador existentes en: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
O Centro de Transfusión de Galicia dispón dunha liña GRATUÍTA de atención telefónica (de 8.00 ás 22.00 horas) no que é posible solucionar calquera dúbida relacionada coa doazón ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles: 900 100 828
Outras formas de contactar co CTG son o correo electrónico e a nosa páxina WEB: e-mail:doadoressangue.ctg@sergas.es
http:// ctg.sergas.es


GRACIAS ANTONIO, xa sabedes que podedes utilizar este espazo para divulgar información sobre a vosa labor que no fondo nos interesa e nos toca a cada un de nós, algún membro da nosa familia, ou amigo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Teniendo en cuenta los datos que aparecen en el texto de que normalmente hay 40 -60 donadores por mil habitantes está claro que en Abegondo se dona muy poca sangre. Esperemos que nos animemos más porque seguro que los de Abegondo la necesitamos igual que la de otros ayuntamientos.
Es la primera vez que visito esta página. Hay cosas interesantes.

marta dijo...

Gracias a Lg por participar no blog do IES de VIós. Respecto á doazón de sangue é certo que o indice de doazón é bastante baixo no Concello de Abegondo. De seguro están influindo moitos factores como a idade dos seus habitantes ou as dificultades para moverse ata o núcleo de San Marcos cando ven a unidade móvil de doazón. Esperemos que estes datos así como a divulgación da información axuden a que elevar a porcentaxe.