martes, 3 de junio de 2008

A sombra das queirogas


O 22 de maio tivo lugar a presentación do libro de poesía "A sombra das queirogas" da escritora Dulce Mª López Rivera.
Dulce, exerceu como profesora de Lingua e Literatura no noso instituto e somos moitos, alumnos e profesores, os que queremos felicitala e ao mesmo tempo animarvos para que leades o libro que xa o temos na biblioteca. Aquí a tedes no momento que nos firmaba o exemplar.
O paso por esta zona queda reflitido en algunha das poesías deste libro.
Como mostra aquí tedes este poema " Nos muiños de Batán" no que as verbas serven para describir a beleza deste espazo que moitos de vos coñecedes. E ao mesmo tempo facernos oir o falar da Natureza.

Nos muiños de Batán
A auga caía ruxideira
desde o alto da fervenza.
Camiñabamos por sendeiros
Que teimaban en contar a súa historia.
A lentura das follas secas
penetraba nos nosos corpos.
Ríamos. As raiolas do outono
derretían o estío das palabras.
Chegamos a un corgo remanseado
Que acubillaba unha poza durmida.
Mirámonos. O río calmo
falaba da memoria liquída.
Quen poidese frear o esquecemento,
atrapar a esencia,escribir na auga.

2 comentarios:

marta dijo...

A presentación foi moi emotiva e se teño que elexir decántome por:

EMIGRAR

Fun quen de marchar
con granito nos ollos
e cemento na boca

Os vieiros cruzábanse no horizonte
e cada pegada, un aguillón que fería.

Atrás quedaba a lagoa dos soños
onde as palabras eran po dourado
molladas en licor gorentoso.

Canto doe a terra amiga!
Canto gris nos ollos dos que amamos!

Hoxe, o silencio estraño.
Non hai abeiro para acubillar o que queda, só a memoria recobra as transparencias.

As aves sobrevoan os lindeiros da angustia e eu xa me vou afacendo
a vivir nos ermos da nostalxia.

Anónimo dijo...

Podería viu un día a visitarnos e lernos algún poema.Un saúdo a todos