viernes, 6 de febrero de 2009

Como chove miudiño. Unha colaboración do Dpto. de Galego

Estes días non tan miudiño, chove forte e de xeito continuado. Pero os galegos estamos afeitos. Sabías que temos na nosa lingua máis de 40 nomes para a chuvia? Podemos distinguila por intensidade, se vai ou non acompañada de vento, se é continua ou cae de súpeto…

Por exemplo,a esa chuvia miúda da que fala Rosalía chamámoslle orballo, froallo, babuña, babuxa, barraña, barrufa ,barruñeira, marmaña, lapiñeira, patiñeira, zarzallo ou zarapallada.
Cando a chuvia é moi mesta, definímola con termos como poalla, poallo ou poalleira.
Se esa chuvia miúda é de pouca intensidade e duración tamén pode ser unha chuviñada ou chuvisca.
Se vén mesturada con néboa, empregamos barruzo,breca ou mera.
Para a chuvia intensa e súpeta pero de pouca duración temos termos como trebón, treboada, torbón ou torboada.
Pero se é unha precipitación forte, intensa e abundante, acompañada de vento dicimos chuvieira, chaparrada, chuvascada ou chuvasco.
Se o que cae é un trebón de auga moi fría ou neve miúda, daquela xa falamos de corisco, coriscada ou calistro.
Cando a chuvia vai acompañada de neve e de vento moi frío falamos de xistra, cifra, brea, cebra ou ciobra.
Para a chuvia torrencial temos outros nomes: bátega, bategada, ballón, enxurrada ou arroiada.
Nos días de chuvia continua á condensación de vapor de auga na atmosfera, chamámoslle zarracina.

…E moitos máis nomes que nos falan da riqueza da nosa lingua e tamén, evidentemente, da perseverante compañía da chuvia .E que non nos falte!

19 comentarios:

Anónimo dijo...

Jose Corral di que esta entrada esta ben porque así aprendemos moitas formas de chamarlle a choiva. En Vios á treboada chámanlle garraspiñada.

Marco di que á chuvisca chámanlle chuvisqueira.

Ines di que a lectura desta entrada foi interesante porque aprendes moitos nomes novos.

Anónimo dijo...

Eu qreo que esta entrada está ben para aprender nomes novos sobre os distintos tipos de choiva que hai.

Anónimo dijo...

Paréceme moi interesante este artigo, xa que non sabía que había tantos nomes para referirnos a algo tan sinxelo como é chuvia.
É verdade que en Galicia, como chove moito, precisamos de tantas palabras para designar a unha soa cousa,e penso que se deverían de conservar,o malo é que estes nomes se irán esquecedendo a medida que pase o tempo.

Espero que non se perdan.
=D

Anónimo dijo...

este texto pareceme moi interesante, xa que con el aprendes moitas das formas que temos en Galicia de chamarlle a choiva, aínda que nós usamos moitos deles, aquí aparecen varios que eu parsoalmente non coñecía.

moi ben Teresa.

Anónimo dijo...

Este artigo paréceme moi interesante, tanto polas múltiples denominacións que non coñecía, como porque manifesta a importancia que ten a lingua propia no seu territorio. Esta diversidade lingüística sería imposible de reflectir con outra que non fose a nosa lingua. De aí a necesidade de conservala, e preservar todas estas palabras, para non perder as nosas palabras, as nosas entidades.
felicidades polo artigo!

Anónimo dijo...

Este texto é moi interesante porque demostra que o galego é o idioma propio do noso territorio e que se foi formando ao longo de moito tempo engadindo unha ou varias denominacións para cada tipo de choiva. Igual que os esquimós teñen máis de 100 nomes para determinar os tipos de neve nós, os galegos temos moitos nomes para denominar a choiva. O clima fixo que teñamos tantos nomes para ela xa que de non termos un clima tan característico chegaríanos coa palabra choiva e non precisaríamos chuvisca, treboada, corisco ou poalla. Sen referirse a ningún caso concreto o idioma propio dun territorio realiza unha función cohesiva entre os individuos dunha comunidade lingüística porque os termos utilizados por un idioma propio para referirse ás realidades que nos rodean non poden ser traducidos a outra lingua.

Anónimo dijo...

Este texto está moi ben, sobre todo para aprender os nomes que temos aquí para a choiva xa que non en todos os lugares teñen os mesmos nomes e seguramente tampouco teñan tantos porque non lles fai falla, porque seguramente non chova tanto como en Galicia.
Mira se temos tantos nomes para a choiva que neste texto incluso hai bastantes que eu non coñecía.

Anónimo dijo...

Este artigo pareceume moi interesant. Hai moitos tipos de choiva que eu, sinceramente, non coñecía, e seguro que moitas persoas galegas tampoco coñecen o que queren decir moitas dela, xa que algunhas case nin se empregan... pero dende aqui animo a todo o mundo a que lle chame a cada tipo de choiva polo seu nome, para que ese léxico que tmos non se vaia perdendo pouco a pouco.

Anónimo dijo...

Este artigo pareceume moi interesant. Hai moitos tipos de choiva que eu, sinceramente, non coñecía, e seguro que moitas persoas galegas tampoco coñecen o que queren decir moitas dela, xa que algunhas case nin se empregan... pero dende aqui animo a todo o mundo a que lle chame a cada tipo de choiva polo seu nome, para que ese léxico que tmos non se vaia perdendo pouco a pouco.

Anónimo dijo...

Este artigo pareceume moi interesant. Hai moitos tipos de choiva que eu, sinceramente, non coñecía, e seguro que moitas persoas galegas tampoco coñecen o que queren decir moitas dela, xa que algunhas case nin se empregan... pero dende aqui animo a todo o mundo a que lle chame a cada tipo de choiva polo seu nome, para que ese léxico que tmos non se vaia perdendo pouco a pouco.

Anónimo dijo...

Este artigo paréceme moi interesante e curioso.Pódese apreciar como o galego,nos ofrece múltiples termos para referirnos a un fenómeno meteorolóxico tan propio de Galicia como é a choiva.O noso idioma propio(o galego)sempre interpretará mellor o contorno de Galicia,pois vai evolucionando e cambiando de acordo coas necesidades comunicativas que van xurdindo neste lugar,e este é un claro exemplo.Así que o que debemos de facer é tratar de que estes termos perduren na nosa lingua.

Anónimo dijo...

Este artigo, o meu parecer é moi proveitoso e útil, pois con el podemos aprender os distintos tipos de choiva que hai en Galicia e o nome co que se denomina cada un deles, e que nalgúns casos eu descoñecía por completo.
A nosa lingua co paso do tempo foise adaptando as novas necesidades que o territorio ofrece, se en Galicia non tivésemos tantos tipos de choiva non faría falla designalos con ningún nome e por iso opino que non hai outra lingua máis axeitada que o galego para denominar o que nos rodea.
Esperemos que se sigan utilizando as nosas propias palabras e non castelanicemos o que nos rodea.

Anónimo dijo...

Este artigo demostra que o Galego, o igual que o resto das outras linguas, é un sistema de comunicación creado para solventar as necesidades do falante. Neste caso, os galegos precisamos multiples nomes para denominar a choiva, na miña opinión isto deixa ver que a nosa lingua é moi rica en diversos campos semánticos propios, neste caso no campo semántico da choiva.

Anónimo dijo...

O texto é un claro exemplo da adaptación dunha lingua ó territorio na que se emprega.
Demóstrase que, como aquí chove moito, precisamos de moitos nomes para indicar con precisión a meteoroloxía, xa que o tipo de choiva pode condicionar as actividades que queramos facer nese momento. Noutros lugares isto non é necesario, para que precisan os habitantes do deserto do Sáhara todos estes nomes? A eles bástalles coa palabra choiva, non precisan de máis. Dado que as linguas tenden a simplificarse, é normal que teñamos un campo semántico moito maior para denominar os diferentes tipos de choiva que para denominar, por exemplo, os diferentes tipos de sol.

Anónimo dijo...

Este artigo trata das distintas palabras coas que se pode denominar a choiva.
O galego ten unha amplia gama de palabras para denominar a choiva xa que aquí chove a miúdo.
Ao igual que os esquimós que teñen moitísimas palabras para denominar o que nos chamamos neve.Xa que alí neva con moita frecuencia.
En cambio en outros lugares como en Andalucía empregan unha única palabra para denominar a choiva: "lluvia".
A miña conclusión é que cada lingua recolle as palabras que denominan as cousas ou obxetos que se empregan ou son necesarias para designar,neste caso un fenómeno atmosférico,no lugar no que se emprega a lingua,neste caso,en Galicia.

Anónimo dijo...

Noraboa aos que fixeron todos eses comentarios tan interesantes: as linguas son o instrumento co que os seres humanos interpretan o contorno que os rodean. Este artigo é un exemlplo clarísimo.

Anónimo dijo...

Noraboa aos que fixeron todos eses comentarios tan interesantes: as linguas son o instrumento co que os seres humanos interpretan o contorno que os rodean. Este artigo é un exemlplo clarísimo.

Anónimo dijo...

É un artigo moi interesante xa que nos reflexa a cohesión para unir os membros dun grupo humano (galegos).
Con este texto comprobamos que as linguas reflexan relacións entre os seres humanos e o mundo que os rodea, neste caso permite caracterizar a os tipos de chuvia como un elemento de enlace entre galegos.

A PROPIA LINGUA É A QUE REFLEXA AS RELACIÓNS DO SER HUMANO CO SEU ENTORNO!!!

Anónimo dijo...

Este texto pareceume moi interesante xa que falaba de moitos tipos de chuvia e d moitos nomes para denominala lastima que nn teñamos outros tantos para denominar o calor do sol.